Saturday 27 de April de 2024

Camariñas promociona en FITUR o potencial da Vía Céltica


● A alcaldesa Sandra Insua aproveitou o espazo do Concello no stand de Turespaña para dar a coñecer este itinerario, no que xa se concede a Compostela e que pretende formar parte do Camiño.

● “É un proxecto polo que apostamos no Concello desde os seus inicios e que avanza con pasos de xigante, presentando a quen a percorre un patrimonio e paisaxes únicos”, salientou a rexedora.

O Concello de Camariñas levou unha axenda completa este ano a FITUR, en Madrid, aproveitando o espazo concedido no stand de Turespaña para presentar tamén a Vía Céltica, destacando o seu potencial como recurso turístico.

A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, explicou que “é un proxecto polo que apostamos no Concello desde os seus inicios, unha ruta que conecta os portos da Costa da Morte con Santiago de Compostela a través da ponte de Portomouro e o altiplano de Xallas, e que presenta a quen a percorre un patrimonio de paisaxes únicas que nos leva de volta ao tempo das primeiras peregrinacións”.

“Esta iniciativa avanza a pasos axigantados xa que a finais do 2021 o Cabildo Compostelano acordou conceder a Compostela aos peregrinos que realicen a Vía Céltica”, salientou.

No acto proxectouse un vídeo promocional da Vía Céltica, feito por Sandra e Alejandro da canle ‘De Rutas y Sendas’ baseado na súa propia experiencia peregrina.